• síguenos

Que é isto?

Que é isto?

Alargascencia é un directorio de establecementos nos que podes reparar obxectos, alugar, facer troco e atopar ou vender produtos de segunda man. Facilita a procura daqueles pequenos comercios, cooperativas e outro tipo de iniciativas, próximos á túa casa onde podes atopar todos estes servizos.

Somos conscientes de que cada vez os produtos son menos duradeiros e máis difíciles de reparar e reutilizar. Tamén sabemos que o sistema actual promove esta realidade e consideramos que a cidadanía é a máis prexudicada. Queremos dar a volta a esta situación, coñecida como obsolescencia programada, poñendo en marcha esta ferramenta colaborativa.

A obsolescencia acurta a vida útil dos produtos. Esta web propón opcións para alongala e así reducir o consumo de recursos naturais.
A inxente produción de residuos e o despilfarro de recursos en vertedoiros e incineradoras teñen solución: reducir, reutilizar e reciclar. A reciclaxe é unha excelente opción cando un produto perdeu a súa utilidade e non se pode aplicar ningunha das opcións previas: a redución ou a preparación para a reutilización.

Non entanto, a reciclaxe non é suficiente para reducir o uso de recursos naturais, se a demanda de consumo segue a actual espiral de crecemento. Así que propoñemos empezar polo principio, a redución. Apostamos polo uso de bens duradeiros, reparables, compartidos e comunais.
¡Toma as rendas do teu consumo! Atopa en Alargascencia os establecementos máis próximos onde podes reparar as túas cousas, intercambialas, comprar de segunda man e alugar o que necesitas.

Rebélate fronte á obsolescencia e o sobreconsumo de recursos naturais.

Alargascencia é unha iniciativa de Amigos da Terra.

Somos unha asociación ecoloxista coa misión de fomentar o cambio local e global cara a unha sociedade respetuosa co medio ambiente, xusta e solidaria. Destacamos polo noso traballo para avanzar na construción dunha cidadanía social e ambientalmente comprometida. Propoñemos a posta en marcha de alternativas concretas para fomentar unha agricultura e alimentación sa, xusta co medio ambiente e coas persoas, para avanzar cara a un modelo enerxético limpo e en mans da cidadanía e para reducir o uso de recursos naturais, con iniciativas de residuo cero e a redución do sobreconsumo lineal (extraer, usar pouco tempo, tirar). Traballamos polo ben común das persoas dentro dos límites do planeta.

Á súa vez, formamos parte de Amigos da Terra internacional, presente en máis de 70 países e con máis dun millón de socios. Isto permítenos coordinar campañas conxuntas e promover cambios do local ao global, pola defensa das persoas e do medio ambiente.